Tue Dec 22 12:45:00 CET 2015

A Oficina do Peregrino só admitirá as súas credenciais oficiais para expedir a "Compostela"

Nota informativa do Cabido Metropolitano da Catedral de Santiago ás Asociacións e outras Institucións que emiten credenciais para os peregrinos que realizan o Camiño de Santiago:

"Tras un amplo diálogo con moitas das entidades que emiten Credenciais, e a petición de varias delas, faise necesario abordar un asunto que está a prexudicar seriamente a imaxe do Camiño e da Peregrinación.

A acollida pastoral, a atención esmerada, e a gratuidade deben ser os obxectivos fundamentais da nosa presenza no Camiño e na meta da Peregrinación.

A Catedral de Santiago ten rexistrada a súa propia credencial que debe ser considerada a única válida e cuxo prezo, para o peregrino, non poderá superar os 2 euros. A xestión da credencial non pode realizarse con criterios nin comerciais nin de lucro; os rendementos que diso puidesen derivarse, necesariamente limitados co modelo que se establece, deberán redundar sempre en favor do mellor servizo e atención aos peregrinos.

Se algún grupo ou entidade quere personalizar a devandita credencial, é posible deixar un espazo en branco e, mediante acordo coa Oficina de Acollida ao Peregrino, poderá engadirse un breve texto que non contradiga, senón pola contra subliñe o sentido cristián da Peregrinación. A Oficina da Catedral encargarase da impresión desta.

Co obxecto de evitar prexuízos a todas aquelas entidades que están a expedir credenciais concédeselles unha moratoria para que poidan utilizar estas: ata o primeiro de abril de 2016. A partir desa data só se admitirán para expedir a "Compostela", as credenciais oficiais da Oficina de Acollida ao Peregrino.

As institucións estranxeiras rexeranse por un acordo especial. Todos os outros acordos e convenios serán avaliados, debidamente dialogados cos interesados, e actuarase en consecuencia."

+info: credencialesperegrinos@catedraldesantiago.es
          oficinadelperegrino@catedraldesantiago.es