Fri Dec 18 08:52:00 CET 2015

O Consello da Xunta aprobou o Plan Director do Monte do Gozo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anuciou a aprobación no Consello da Xunta do Plan director do Monte do Gozo, que contará cun investimento inicial de 1,2 millóns de euros para revitalizar este parque natural e convertelo nunha referencia a nivel de toda Galicia. Segundo adiantou, o obxectivo é que as obras comecen de inmediato para que este mesmo verán estean rematadas as tres primeiras fases do proxecto.

O proxecto inclúe varias fases de intervención en áreas da contorna da chegada ao monte e a capela de San Marcos, o anfiteatro, o Parque Inglés; tamén, nos sistemas de camiños e áreas de sombra, no conxunto edificado para o aloxamento, na rúa das Estrelas ou na zona deportiva. As tres primeiras fases, dixo, centraranse na relación do Monte do Gozo co Camiño e buscarán recuperar a condición orixinal do parque.

O Monte do Gozo é un espazo de enormes potencialidades que abrangue 57 hectáreas, dispón de grandes equipamentos e conta cun fluxo diario moi importante de visitantes, na súa maioría peregrinos.