Thu Dec 17 09:11:00 CET 2015

Entregados os galardóns da I Edición dos Premios Camiño de Santiago

Os galardóns da I Edición dos Premios Camiño de Santiago, promovidos por Turismo de Galicia, foron entregados esta mañá nun acto celebrado na Cidade da Cultura que contou coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o xerente de Xacobeo, Rafael Sánchez, entre outras autoridades.

Estes premios constitúen un recoñecemento institucional e social ás iniciativas públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago, aquelas que impulsan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos así como as accións específicas de divulgación e promoción do Camiño de Santiago e da cultura xacobea.

Os principais obxectivos destes premios son avanzar na mellora de cada un dos itinerarios do Camiño de Santiago así como, no seu contorno ambiental, paisaxístico e arquitectónico e a súa protección xeral e posta en valor.

Premiados
Na primeira categoría, destinada a distinguir as iniciativas dos concellos polos que discorren as diversas rutas do Camiño de Santiago, recaeu o primeiro premio no concello de Portomarín, pola organización do Camiño a través de medidas como a peonalización do casco histórico para facilitar a estadía dos peregrinos, a instalación de moblaxe urbana, o deseño de planos de rúas e códigos QR, a posta en valor de bens patrimoniais e outras medidas de divulgación do Camiño. O segundo, recaeu no de Ordes, polo seu coidado nas labores de roce e limpeza do Camiño, primando o realizado na ruta do Camiño Inglés.

O primeiro premio da segunda categoría, destinada a distinguir as actuacións desenvolvidas polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, recoñeceu o traballo da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Ávila polo seu impulso continuado do Camiño e as numerosas actividades en torno a él, como a sinalización de rutas alternativas ás estradas, o apoio na limpeza, a xestión de albergues así como a edición de publicacións divulgativas da Ruta Xacobea. O segundo premio recaeu na Asociación Gaditana Jacobea - Vía Augusta polo seu impulso do Camiño a través da realización de numerosas actividades e a súa protección nas terras onde se localiza a asociación.

Na terceira categoría, destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades desenvolvidas por as pequenas e medianas empresas, o primeiro premio foi para a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas- Betanzos en recoñecemento ao proxecto de mellora do Camiño Inglés levado a cabo na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo. O segundo premio desta categoría recibiuno María Varela Mosquera, da empresa de turismo rural A Parada das Bestas pola rehabilitación do inmoble con criterios de bioconstrución e respecto polo contorno, a recuperación de receitas de peregrinos medievais a través da investigación, e a participación en actividades relacionadas coa gastronomía no Camiño de Santiago.

Por último, a cuarta categoría premiou ao Grupo de Investigación Cultural e Sociedades no Mundo Ibérico desde a Idade Media, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, ao Colexio de Educación Infantil e Primaria Belesar, de Baiona; e ao IES Plurilingüe San Rosendo, de Mondoñedo, polo seu labor académico, educativo e de investigación.