Mon Dec 14 09:20:00 CET 2015

O arcebispo abre a Porta da Misericordia da Catedral de Santiago

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, abriu a Porta da Misericordia da catedral compostelá. Trátase da porta que se abre nos anos santos, e que asume esta nova denominación para celebrar o Xubileu extraordinario da Misericordia convocado polo papa Francisco.

Unha cerimonia litúrxica sinxela, e á vez solemne, deu inicio na Arquidiocese compostelá ao Xubileu Extraordinario da Misericordia. O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, quen abriu cunha chave a Porta da Misericordia, presidiu este rito de apertura no que participaron distintos representantes da pastoral diocesana.

Abrir esta porta da catedral en anos que non sexan xacobeos é unha circunstancia moi pouco frecuente. Nos últimos 130 anos, só deuse este feito en dúas ocasións: en 1885, para conmemorar que un equipo dirixido polo cóengo Antonio López Ferreiro encontrara os restos do apóstolo Santiago, que se achaban extraviados dende había tempo; e en 1938, para dar ocasión a que as persoas interesadas en participar no ano xacobeo de 1937 se achegasen a Santiago, polas dificultades que ocasionaba a Guerra de España iniciada o ano anterior.

A Porta da Misericordia estará aberta ata o día 20 de novembro de 2016.